Menú Cerrar

Así funcionamos

  • Xestión e organización

    A xestión e organización da biblioteca é a parte máis relevante do comezo do curso.

    Nos primeiros días o profesorado implicado actualiza a base de datos do alumnado e profesorado do centro no programa Meiga, para que xa, dende o inicio do curso, todos os membros poidan ter aceso aos nosos fondos.

    Durante as primeiras semanas, o equipo da biblioteca ten que organizar e establecer as liñas de actuación que se implementarán durante o curso. Para isto, faise unha reunión na que se distribúen os horarios, divídense as tarefas entre os responsables, fánse suxestións sobre actividades novas, proxectos de innovación, xestión de redes sociais ou calquera outra tolada que fomente o uso da biblioteca como un espazo inclusivo, moderno e vivo.

    Durante todo o ano dedícase gran parte do tempo ao expurgo do material obsoleto, recatalogación de fondos dispersos ou mal catalogados e adquisición e catalogación de novos materiais (libros, xogos, recursos audiovisuais...) que manteñan a biblioteca actualizada e útil.

    Por último, e para saber se o traballo está ben feito, fánse reunións semanais e trimestrais onde se analiza o día a día das actividades realizadas e o grao de consecución dos obxectivos ao finalizar o trimestre.

  • Formación

    A formación é un aspecto importante para todo aquel que queira usar a biblioteca e coñecer as súas posibilidades. Por isto, durante o primeiro trimestre, ofrécese unha formación inicial ao alumnado e profesorado na que se lle aprenden os rudimentos básicos do seu funcionamento: préstamo, colocación de fondos, seccións... Organízanse xogos de busca (tanto individuais como por equipos) para que se familiaricen cos espazos, os distintos tipos de materiais, as posibilidades dixitais coas que conta  (busca a través do OPAC de Meiga onde se colabora cos centros de ensino veciños e as bibliotecas municipais) ou as redes sociais que se utilizan para manter o servizo da biblioteca fóra das paredes do centro e en calquera momento.

  • Fomento da lectura

    E-Librérate cos nosos clubs de lectura: Dende a biblioteca propóñense cada ano varios clubs de lectura en función dos gustos do noso alumnado. E-librérate é un club de lectura libre e aberto que fomenta a lectura de novos e maiores, de novelas, de cómics, de prosa poética ou de microrrelatos. Con apostas novidosas e modernas, cada ano introducimos un formato de lectura diferente que achegue o goce da lectura a todo tipo de alumnado. Para participar so hai que vir cando un queira vir, e marchar cando se teña que marchar! E..., se non queres ler, lemos por ti!

    E-Librérate con nós!

    Proxecto lector: A biblioteca colabora co resto dos departamentos do centro de xeito directo a través do proxecto lector. Dende aquí proporciónaselles a axuda que precisen tanto na busca de lecturas como adquirindo novos materiais que fomenten e melloren a competencia lectora do alumnado nas distintas áreas de coñecemento.

    Hora de ler: Outra das propostas para fomentar a lectura, é dedicar un tempo de clase a ler. Profesorado e alumnado aproveitan este momento de lectura pracenteira dentro da aula para gozar dun bo libro elixido por eles. Que mellor xeito de entregarse a un novo mundo de ciencia, de arte, de bioloxía, de matemáticas, de historias incribles, de cómics ou coñecer as últimas novidades deportivas ou de actualidade?

    Contacontos, teatro: Dende a biblioteca, non só lemos, tamén escoitamos!! Durante todo o ano organízanse sesións de contacontos e representacións teatrais que fomentan a lectura, a escoita, o respecto e se coñecen outras formas de expresión.

     Encontros con autores: Sempre que as axendas dos nosos escritores o permitan, o equipo da biblioteca organiza encontros cos autores dos libros de lectura que se traballaron durante o ano. Nestes encontros o alumnado aproveita para facerlle preguntas, coñecer un pouco da súa vida e as súas motivacións e, para moitos, facer realidade o soño de coñecer a un escritor de verdade. Non é marabilloso ler un libro e telo dedicado polo seu propio autor?

    Recomendacións e guías de lectura: Para nós e para todos se elaboran recomendacións e guías de lectura para as vacacións. Así que... se non tes moi claro que queres ler, preme nesta ligazón  a ver se che gustan algúns dos nosos consellos.